Tuesday 30 de April de 2024

Gonzalo Trenor visita o Obradoiro de Emprego da Laracha que forma a 20 alumnos grazas a un investimento de máis de 863.000€


O delegado da Xunta na Coruña e o alcalde supervisaron o avance dos traballos no centro sociocultural de Paiosaco que rematarán antes de final de ano
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de A Laracha, José Manuel López, visitaron aos alumnos do obradoiro de emprego A Laracha V que están rematando a súa formación na súa primeira visita oficial a este Concello. En A Laracha estanse a impartir dúas especialidades con 10 alumnos cada unha de Carpintería e Moble e de Pintura Industrial en Construción. A Xunta inviste nestes dous cursos máis de 336.000 euros e o orzamento total coa achega do Concello e as obras ascenderá finalmente a máis de 863.000 euros.

No caso concreto da especialidade de carpintería e moble estanse a realizar traballos en madeira no paseo fluvial do río Anllóns entre Gabenlle e O Formigueiro. Na de pintura industrial as prácticas recollen actuacións na Casa do Concello, no edificio administrativo, na Casa da Cultura, no centro sociocultural de Paiosaco e nas farolas do concello.
O delegado territorial comprobou o traballo de pintura industrial que están levando a cabo neste momento os alumnos nos centro sociocultural de Paiosaco.
Este ano, os obradoiros que deberían estar rematados en xuño, tras a súa paralización polo confinamento, afrontan agora a súa etapa final de formación que rematarán a finais de ano. Concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte contaron cun total de 3 obradoiros de emprego, 2 deles de carácter dual, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 1 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria está investindo en políticas activas de emprego 711.310 euros.
Os obradoiros duais teñen lugar na Laracha, en Cerceda, compartidos con Tordoia e Trazo, mentres que o de Garantía Xuvenil organizarase en Carballo.
Estes obradoiros están permitindo que un total de 52 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poden combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
O concello de A Laracha conta tamén cun Plan Integrado de Emprego que está previsto que remate a principios de xaneiro, no que se está formando arredor de 100 persoas. O PIE é unha iniciativa na que colaboran os concellos, e a Xunta para mellorar a formación das persoas desempregadas e para darlle máis opcións para atopar un emprego a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas.